sábado, 23 de octubre de 2010

Contribución das linguas clásicas ao proxecto lingüístico do I.E.S. O Couto (artigo)

CONTRIBUCIÓN DAS LINGUAS CLÁSICAS AO PROXECTO LINGÚÍSICO DE CENTRO


As linguas clásicas e en especial o latín son a base fundamental do castelán e do galego e de outras como o catalán, o portugués, o francés, o provenzal, o sardo, o italiano, o rumano e o reto-romano (as chamadas linguas romances ou neolatinas). Partindo desta perspectiva non é doado coñecer ben as linguas da nosa comunidade sen ter coñecemento das estructuras lingüísticas do grego e do latín. Nada como coñecer as linguas clásicas para entender a relación entre idiomas da mesma familia.

As linguas e culturas europeas están cimentadas sobre un legado de base greco-romana que non debemos nin podemos esquecer. O valor formativo das linguas clásicas deriva da súa dobre condición de modelos lingüísticos e do feito de ser transmisoras dunha cultura rica e fecunda, antecedente e orixe da civilización europea contemporánea. Non podemos ignorar a grandeza do legado literario, filosófico, científico e artístico do mundo grecolatino así como a súa influencia e aportación ao desenvolvemento da cultura universal.

A lectura dos clásicos constitúe unha experiencia educativa esencial. Gregos e latinos están na base dese legado, desa tradición. Son a esencia mesma do humanismo. Por isto un certo coñecemento do grego e do latín continúan a ser a mellor bagaxe para acadar un mínimo esixible de rigor filolóxico e filosófico.

He aquí algunha das aportacións das linguas clásicas ao Proxecto Lingüístico do Centro:

• A aprendizaxe do grego e do latín constitúen un método moi eficaz de estructuración mental proporcionando estratexias, habilidades e destrezas extrapolables a adquisición xeral do castelán e do galego así como de outras linguas estranxeiras e do coñecemento en xeral. Dende a análise das linguas clásicas, o alumno reparará nas estructuras lingüísticas do castelán e do galego e daquelas que estudie como segunda ou terceira.
• As linguas clásicas permiten profundizar na interpretación das máis diversas terminoloxías científicas e técnicas. Un dos obxectivos do latín e do grego consiste en familiarizar ao alumnado co vocabulario, cos procedementos de formación de léxico e coas estructuras elementais da frase. Tamén lle permitirá coñecer a evolución do vocabulario clásico e vulgar das linguas neolatinas, o que supón unha ferramenta indispensable para a adquisición de novo vocabulario.
• O coñecemento da estructura das linguas grega e latina posibilitan unha mellor comprensión da gramática das linguas europeas de orixe romance e de outras que non procedendo do latín comparten coas linguas clásicas o caráter flexivo. Tamén serve como axuda na aprendizaxe do inglés por proceder unha parte do seu léxico - especialmente o culto - do latín.
• O coñecemento dos procedementos para a formación de palabras a partir de raíces, prefixos e sufixos contribúen a ampliación do vocabulario básico do alumno.
• O coñecemento das etimoloxías latinas e gregas proporciona a comprensión e incorporación dun vocabulario culto e explica o significado do léxico específico de termos científico e técnicos.
• O estudio de latinismos e locucións latinas que se incorporaron directamente ao castelán e ao galego, axudan a coñecer mellor as nosa linguas e a facer un uso apropiado delas.


Tralo exposto podemos concluir que as linguas clásicas e por extensión a materia de cultura clásica, contribúen dun xeito importante á adquisición por parte dos nosos estudiantes da competencia en comunicación lingüística, constituíndo un elemento básico na cohesión idiomática, máxime nunha comunidade como a nosa na que temos o privilexio de contar con dúas linguas oficiais, o castelán e o galego, fillas ambas dunha nai común, o latín.

Manuel Rodríguez Santos

No hay comentarios:

Publicar un comentario