domingo, 24 de octubre de 2010

O pensamento de Séneca (artigo)

O PENSAMENTO DE SÉNECA: UN SISTEMA VÁLIDO PARA O DÍA DE HOXE.

PINCELADAS SOBRE O PERSONAXE:

O esplendoroso Imperio Romano, nos revoltos primeiros séculos da nosa era, camiña inexorablemente cara á súa destrución, tras abandonar os valores dos seus ancestros. Ante este panorama desolador, érguese a filosofía estoica coa pretensión de ensinar os auténticos valores para evitar a decadencia. Lucio Anneo Séneca, un dos seus máximos representantes, móstrase convencido da importancia da educación filosófica en aras da prosperidade social.

Este personaxe naceu en Córdoba no ano 4 a. C. no seo dunha familia celosa das tradicionais virtudes romanas. Marchou de neno a Roma para educarse. Cumpridos os dezaoito anos, entrou en contacto coa filosofía estudando as distintas correntes: estoicismo, pitagorismo, eclecticismo, etc. Séneca foi unha mente aberta a todo o que fose coñecemento. Considerando o estoicismo a filosofía moral máis adecuada para o seu tempo, inclinouse por ela, se ben fuxiu sempre de todo o que significase dogmatismo.

Tras unha viaxe por Exipto por causas de saúde, retornou a Roma e iniciou a súa andadura política. Neste campo defendeu, de acordo con Platón, a necesidade dun gobernante filósofo educado nos principios éticos para levar a bo porto a cousa pública. Acusado de adulterio por Mesalina, esposa do emperador Claudio, foi desterrado a Córcega, onde permaneceu durante oito longos anos. Morta Mesalina, a nova dona de Claudio, Agripina, confioulle a educación do seu fillo Nerón. Iniciouse entón para Séneca unha etapa de prosperidade.

Os primeiros dez anos do imperio de Nerón foron un modelo de bo goberno. En realidade, quen levou as rendas do poder durante esta etapa foi Séneca. Despois, Nerón foise tornando cada día máis difícil de controlar sumindo a Roma no caos e no terror; por esta razón, Séneca retírase a unha das súas posesións deixando tódolos seus bens ao propio emperador.

Tres anos máis tarde, no 65 d.C., no seu retiro recibe a noticia da súa condena a morte acusado de colaborar na frustrada conspiración de Pisón. Como podía elixir a forma de morrer, mandou que lle abrisen as veas.

A HUMANIDADE EN SÉNECA:

Séneca pertence a esa casta de antigos filósofos que nos trae o espertar da razón sacándonos das nosas ensoñacións; nembargante, a razón de Séneca, máis que unha razón pura é unha razón dulcificada. É unha especie de médico que, burlándose do rigor do pensamento, proporciónanos o remedio para aliviarnos e consolarnos. Séneca é un mediador entre o logos establecido pola filosofía grega e a vida do home humilde. Séneca ofrécenos consolo ante a morte dos seres queridos, ante a enfermidade, ante a perda de riquezas... Tende cara ao home da rúa unha mirada misericordiosa para darlle o que necesita. Así, Séneca vai dalgún xeito a ocupar o posto da Igrexa que aínda non existía; e esa é a razón pola que esta case o ten admitido dentro dela. El é o escritor máis citado polos moralistas. Supón, en certo modo, a entrada da humanidade na razón antiga.



A RESIGNACIÓN:

En ningún estoico aparece tan nitidamente como en Séneca a idea última do estoicismo: a resignación. Pero trátase dunha resignación que intenta eludir a vida mentres chega a morte como se a vida fose esvarando por ela suavemente e sen lamentarse. Ante a morte inevitable, Séneca defende o tempo e a vida; por iso, sempre aconsella unha actividade incesante “para non estar mortos antes de morrer” e unha distribución do tempo ante a morte que está sempre presente levándose cada hora, cada minuto de nós. O noso autor levou ao último extremo na súa vida e na súa morte esta resignación. A morte de Séneca é a morte dun suicida que desaparece sen alterar a natureza en cuxa alteración está o verdadeiro mal. Séneca morreu con elegancia e sen pranto retardando a súa morte o máis posible. El, que sempre loitara co medo á morte, realmente morreu sen temela.

INFLUENCIA E ACTUALIDADE DE SÉNECA:

A actualidade do pensamento de Séneca queda de manifesto nas seguintes verbas de Angel Ganivet: “Cando eu, sendo estudante, lin as obras de Séneca quedei atordado e asombrado, coma quen, perdida a vista e o oído, os recobra repentina e inesperadamente.....” Realmente Séneca exerceu un poderoso influxo sobre os seus contemporáneos e sobre a posteridade como ensaísta filosófico e como poeta. Sen perder de todo o seu enlace cos antigos valores romanos, Séneca desenvolveu unha moralidade orientada máis ben ao inidividuo e a súa interioridade. A esta posición correspóndelle o feito de ter descrito con exactitude os estados da alma humana. Tamén é moderna a súa humanidade, por exemplo, a súa consideración humana do escravo considerado na época como simple obxecto. O cristianismo viu nel un parentesco espiritual e ata un cristián secreto, incluso inventou unha correspondencia epistolar súa co apóstolo S. Paulo.

Tamén é moral a intención das súas traxedias. Estas, destinadas ao recitado, se ben teñen a súa base nos clásicos gregos, foron, nembargante, o antecesor do drama clásico e italiano. Tamén exerceron influxo sobre o drama isabelino e non en poucas ocasións sobre Shakespeare.

Así, pois, a modo de colofón podemos afirmar que Séneca non só é o autor clásico que mellor permite ao home actual tomar contacto co pensamento pagán, senón tamén un personaxe cuxa postura ante o eterno dilema do home fronte á morte segue tendo plena vixencia.


Manuel Rodríguez Santos

No hay comentarios:

Publicar un comentario